miércoles, 20 de septiembre de 2017
 

Twitter

Debido a un error, posiblemente de latencia en la conexión a Twitter, los tweets del usuario no pueden mostrarse.

Tres compositores galegos recibirán axudas de Fundación Autor para a creación sinfónica

 



>O xurado escolleu unha ducia de autores, entre os que están Juan Eiras (Vigo), Federico Mosquera (A Coruña) e Octavio Vázquez (Santiago de Compostela)

>A Fundación Autor da SGAE ofrece a cada un 6.000 euros e a edición da súa obra nun disco

>Dende 2006, o programa apoiou máis de 80 creadores

 

A Fundación Autor da SGAE concede un total de doce axudas para a creación de obras sinfónicas dentro do Programa de Incentivos á Creación, a proposta da Asociación Española de Orquestras (AEOS). A iniciativa, froito do acordo establecido entre ambas institucións e que se desenvolve por oitavo ano consecutivo, ten como fin estimula-la creación de novas obras e contribuír á súa programación por parte das orquestras españolas dentro das súas tempadas de concertos, ciclos e xiras.

 

En total, a Fundación Autor outorga, para este 2013, 72.000 euros (6.000 para cada compositor). Ademais, o Programa de Incentivos á Creación contempla a gravación e posterior edición en CD das estreas destas obras de encarga.

 

Este ano, as axudas para encargas sinfónicas recaeron nos seguintes compositores:

 

Sergio Blardony (Madrid, 1965) a proposta da Joven Orquesta Nacional de España.

Juan de Dios García Aguilera (Madrid, 1959) a proposta da Orquesta de Córdoba.

Juan Eiras (Vigo, 1977) a proposta da Real Filharmonía de Galicia.

Víctor Estapé Madinabeitia (Sant Sadurní D'Anoia, 1962) a proposta da Orquesta Ciudad de Granada.

Mª Eugenia Luc (Rosario, Arxentina, 1958) a proposta da Bilbao Orkestra Sinfonikoa.

Federico Mosquera Martínez (A Coruña, 1986) a proposta da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Enrique Muñoz (Robledollano, Cáceres, 1957) a proposta da Orquesta de Extremadura.

Lorenzo Palomo (Cidade Real, 1938) a proposta da Orquesta de Córdoba.

Antoni Parera (Manacor, 1943) a proposta da Orquesta y Coro de la Comunidad de Madrid.

Joseba Torre (Bilbao, 1968) a proposta da Orquesta Sinfónica de Navarra.

Octavio Vázquez (Santiago de Compostela, 1972) a proposta da Orquesta Sinfónica y Coro de RTVE.

Bernat Vivancos (Barcelona, 1973) a proposta da Orquestra Simfònica del Vallès.

 

Unha comisión de expertos presidida polo compositor Joan Albert Amargós e integrada tamén polos compositores José Zárate e Jesús Torres (Premio Nacional de Música 2012), o director Manuel Hernández-Silva e a musicóloga Belén Pérez Castillo, foi a encargada de analiza-las propostas que a Asociación Española de Orquestras Sinfónicas envía anualmente á Fundación Autor en virtude deste programa.

 

Apoio a máis de 80 compositores dende 2006

Dende o ano 2006, a Fundación Autor, coa colaboración da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS) ten apoiado con este proxecto 82 compositores cuxas obras foron estreadas dentro das programacións habituais. Concretamente, o total de incentivos concedidos é de 492.000 euros. Con este programa de axudas contribuíuse a desenvolve-lo repertorio sinfónico nos últimos oito anos.

 

CD “Nueva Creación Sinfónica, 6”

A Fundación Autor da SGAE vén de edita-lo último CD, que corresponde ao número 6 da serie NUEVA CREACIÓN SINFÓNICA, que compila as estreas das obras de encarga realizadas grazas ao Sistema de Incentivos á Creación Sinfónica. Neste CD inclúense as obras, estreadas entre xaneiro e abril de 2011, dos compositores Aurélio Edler-Copes, Emilio Aragón Álvarez, Francisco José Martín-Jaime, Salvador Brotons Soler e Eduardo Pérez Maseda.

 

Próximas estreas

Nos vindeiros meses, distintas orquestras do territorio estatal acollerán as estreas de obras que foron seleccionadas en edicións anteriores no Programa de Incentivos á Creación.

 

Este é o caso da obra de Santiago Báez Cervantes, Concierto nº 1, que o 28 de febreiro será estreada pola Orquesta de Córdoba baixo as ordes de Manuel Hernández Silva; o 26 de marzo será a obra de Félix Ibarrondo, Izarbi, que interpretará a ORCAM baixo a dirección de Jordi Bernàcer no Auditorio Nacional de Madrid; o 3 de abril, a obra de Benet Casablancas Domingo, Tres Interludios para orquesta, será interpretada por primeira vez pola Orquestra Simfònica del Vallès e dirixida por Rubén Gimeno; o 11 de abril haberá dobre estrea, por un lado a obra de Tomás Aragües Bernat, De contrapuntos y amables polifonías, por parte da Bilbao Orkestra Sinfonikoa dirixida por Frank Beermann, e a Sinfonía de Sebastián Mariné, a cargo da Orquesta Sinfónica y Coro de RTVE baixo a dirección de Guillermo García Calvo; e, xa por último, o 18 de abril tocaralle a quenda a Paulino Pereiro e a súa obra Sagarmatha. Op. 185, que interpretará a Orquestra Real Filharmonía no Auditorio de Galicia baixo as ordes de Paul Daniel.

 

Comunicación SGAE / Fundación Autor

981.569177 / 696.292022 · Esta dirección de correo electrónico está protegida contra robots de spam. Necesita activar JavaScript para poder verla · prensa.sgae.es




Imágenes