miércoles, 18 de octubre de 2017
 

Twitter

Debido a un error, posiblemente de latencia en la conexión a Twitter, los tweets del usuario no pueden mostrarse.

O jazz galego retorna á Fundación Autor de Santiago de Compostela

 



A Sede de SGAE/Fundación Autor en Santiago de Compostela abre as súas portas de novo ao jazz galego. O vindeiro xoves, 14 de marzo, o músico e produtor Xacobe Martínez Antelo presentará en concerto dous dos seus proxectos artísticos: o seu Trío e, deseguido, o seu dúo con Marcos Pin. O dobre evento dará comezo ás 21:00 horas no recinto do parque de Vista Alegre, cun prezo de acceso de 5 euros.

Xacobe Martínez Antelo é contrabaixista, compositor e produtor galego; líder e impulsor dos seus propios proxectos. O seu campo de actuación é do máis variado e ecléctico; na súa traxectoria ten liderado e co-liderado diversas iniciativas galegas vinculadas coa súa visión particular da música e do Jazz. Neste caso, o xoves 14, presentará dous proxectos simultaneamente en concerto.

Xacobe Martínez Antelo Trío ofrece un repertorio de composicións orixinais, dando pé a un son único e radicalmente persoal no que teñen cabida o jazz máis ortodoxo, a música tradicional, o rock e a música contemporánea. Por outra parte, o XMA & Marcos Pin Dúo é o proxecto que emparella a Xacobe co guitarrista lugués Marcos Pin, un dos representantes máis sólidos e mellor formados do novo jazz galego.

II Aniversario Desconcierto Cultural

Tamén a vindeira semana, co gallo do II Aniversario de Desconcierto Cultural, organízase na Sede da SGAE/Fundación Autor de Santiago de Compostela un novo concerto encadrado no ciclo “Compostela Rock”. Os vascos McEnroe e os galegos The Soul Jackets tocarán o venres 16 de marzo a partir das 21:00 h. O prezo da entrada será de 13 euros (10 euros anticipada) e gratis para os socios de Desconcierto Cultural.

The Soul Jacket é unha banda galega formada entre Vigo e Nigrán que se situou, tra-la publicación do seu primeiro álbum, Wood Mama, nun posto privilexiado na escena underground. Dotados dun directo abraiante, esgotaron a primeira edición do seu debut, situado como segundo mellor álbum nacional na selección anual da revista “Ruta 66”.

Liderando a noite estará McEnroe, grupo de Getxo cunha proposta a medio camiño entre o shoegaze e o folk-pop máis pausado. A banda chega a Galicia para presentar o seu último disco, Las Orillas. A melancolía transmitida a través das letras e da persoal voz de Ricardo segue sendo o sinal de identidade da banda.

Máis concertos na Sede da Fundación Autor en Santiago de Compostela

• Habelas Hainas (21 de marzo)

• Narf (22 de marzo)

• Delahoja + Olímpicos (12 de abril)

• The Cornelius (18 de abril)